Na Escola de Enxeñería de Telecomunicación hai 4 seminarios que contan con conexión a Internet e proxectores de vídeo. Tamén está equipada con 3 aulas de videoconferencia útiles para o desenvolvemento de reunións conxuntas ou seminarios con outros centros.

No que respecta á Biblioteca, na Escola de Enxeñería de Telecomunicación hai unha aula de lectura, unha ampla biblioteca no edificio de Enxeñerías e tamén está a Biblioteca Central da Universidade. Esta biblioteca é accesible mediante a Intranet da Universidade de Vigo.

Ademais a Escola de Enxeñería de Telecomunicación da Universidade de Vigo conta coas medidas necesarias para ser accesible a todas as persoas con discapacidade nos seus diferentes pavillóns, contando para isto con plataformas elevadoras e ramplas de entrada.

A Universidade de Vigo ofrece conexión sen fíos á rede interna da universidade, e mediante esta a internet. Todos os membros da comunidade universitaria teñen acceso a este servizo mediante o uso dun contrasinal unido á súa conta persoal de correo, facilitada pola universidade.

O centro de investigación AtlantTIC, que inclúe á maioría dos grupos de investigación, ten entre os seus obxectivos a preparación doutoral; a tal fin, dedica parte dos seus recursos económicos a apoiar as estadías de investigación e a asistencia a congresos científicos dos e das estudantes do Doutoramento Doc_TIC.

Os grupos de investigación vinculados ao programa contan cos recursos, materiais e servizos necesarios para desenvolver de maneira plenamente satisfactoria o programa de doutoramento proposto. Os grupos de investigación que participan no doutoramento son grupos activos que conseguen de maneira regular recursos para a investigación e bolsas de viaxe para a asistencia a congresos e estadías no estranxeiro e noutras universidades. Os e as doutorandos uniranse a grupos de investigación nos que o seu director ou directora de tese estea involucrado. Por tanto, terán acceso a este tipo de bolsas para o desenvolvemento das súas tarefas de investigación e para a súa preparación pre-doutoral.

Espérase que todos os e as doutorando consigan suficiente financiamento para levar a cabo estadías de investigación e para a asistencia a congresos.